A finalidade deste blog é a realización do proxecto do Ciclo Superior de Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos no IES de Arzúa (A Coruña), asignatura impartida por Marina Engroba.
O noso obxectivo é a realización dun estudio xeral das Illas Cies, co que pretendemos amosarvos a extraordinaria beleza e singulariedade deste fermoso lugar.
Esperemos que vos guste e que vos sirva de utilidade toda a información que vos ofrecemos neste blog.

12/12/08

Parque Nacional

Declárase Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, considerándose a súa conservación de interese xeral da Nación, e integrase na rede de Parques Nacionais dacordo co previsto no artigo 22 da lei 4/1989, de 27 de marzo, de conservación de espacios naturais e da flora e fauna silvestres. A declaración de Parque Nacional ten por obxeto:
  • Protexer a integridade dos ecosistemas.
  • Asegurar a conservación e recuperación dos hábitats, das especies e preservación da diversidade xenética.
  • Asegurar a proteción, recuperación, fomento e difusión dos seus valores mediambientais e do seu patrimonio natural, regulando de forma compatible coa súa conservación tanto a actividade investigadora e educativa coma o acceso ós visitantes.
  • Promover e apoiar no interior do parque as actividades tradicionais compatibles coa protección do medio natural.
  • Incorporar o Parque ós programas nacionais e internacionais da conservación da biodiversidade.

Tamén ten a catalogación de ZEPA (Zona de Especial Proteción para Aves) que se lle dou no ano 1988, xa que nelas é onde están as colonias de gaivotas máis numerosas das nosas costas, unhas 22000 parellas reproductoras.
Ademais de todo isto nas illas tamén se poden diferenciar diferentes zonas, como son:

  • Zona de uso especial: que son as ocupadas por infraestructuras e instalacións permanentes adicadas á xestión do parque.
  • Zonas de uso restrinxido: que son de acceso público reguladas mediante permisos. Nestas zonas non se poden abandoar os sendeiros sinalados agás en casos autorizados pola administración do Parque.
  • Zonas de reserva: na que non se permitirá o acceso ós visitantes e os uso limitarase a actividades relacionadas coa investigación, seguimento e recuperación dos seus valores ambientais.

A imaxe pertence a unha zona protexida na Praia de Rodas




Orixe e historia

As Illas Cies formaronse entre mediados do terciario e cuaternario como resultado de movementos tectónicos.
Teñen unha extesión de 2658 ha mariñas e 433 terrestres.
Nelas foron atopados restos atribuibles a época do Mesolítico. Do primeiro asentamento do que hai evidencias é dun poboado castreño da Idade de Ferro (polos anos 600 e 100 a.c.).
No s. II d.C. foron invadidas polos romanos, quenes as apodaron como Illas dos Deuses. Desta época atopáronse cerámicas e un anel de ouro.
Os primeiros mosteiros benecdictinos que hai datan do s.XI, estes foron atacados polos normandos e reocupados a finais do s. XIII.
No s. XIV foron asentadas polos franciscanos.
Sufriron numerosos ataques de piratas e navíos de guerra ingleses e franceses polos séculos XVI-XVIII.
Na primeira metade do s. XIX e cando se instalan pequenas industrias. Os habitantes vivían da pesca, agricultura e gandería ovina e caprina. Pero polo 1970 quedaron despoboadas.
No ano 1980 foron declaradas Parque Natural e no 2002 Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia xunto cos archepélagos de Ons, Sálvora e Cortegada.
As Cies son propiedade da Xunta de Galicia dende 1984 e a xestión do parque tamén lle corresponde a Xunta de Galicia dende o un de xullo do 2008.






11/12/08

Illa de San Martiño

A illa de San Martiño ou do sur,é a mais abrupta de todas, podendo destacar o Monte Galeira e o Monte Pereira.








Como máximo referente da illa atopamos a Praia de San Martiño, areal de grao fino e branco, en forma de concha, que se atopa inmerso nun entorno virxe.



Para rematar, nesta illa tamén se atopa o Faro de Bicos e os restos dunha fábrica de salgazón e dun muíño.
Á illa accedese mediante o peirao Os Fornos.


Illa do Faro

A illa do Faro ou a do Medio, está unida á do norte mediante a Praia de Rodas e o Lago dos Nenos, e por unha pequena ponte que se construíu na Boca do Lago. Nesta illa debemos destacar as furnas, como a Furna da Porta ou a da Cova do inferno. Tamén sinalar como característico do seu relevo o Monte Faro, a Punta Canabal e a Punta do Príncipe, así como as dúas praias da súa vertente oriental, a Praia de Nosa Señora e a Praia dos Viños.


En canto a construcións feitas pola man do home podemos atoparnos co Faro da Porta, o Faro das Cíes, o observatorio de aves do Alto da Campá, o Castro Das Hortas (vestixio dunha poboación celta) e cos restos dun antigo mosteiro
fundado no Reino Galaico-Suevo, que actualmente é a sede do Centro de Interpretación.


Unha última edificación a destacar é a Pedra da Campá, pero esta vez non e a man do home o seu escultor se non o vento e a auga brusca da cara occidental.
Xa por último, nesta illa podemos atopar un peirao de servizos,a casa forestal, bares e un cámping, que é o único lugar no que nos podemos aloxar dentro do parque.

9/12/08

Illa de Monte Agudo

A illa de Monte Agudo ou do Norte ofrécenos, na súa cara occidental, un litoral abrupto e recortado, no que abundan as furnas como a Furna do Cabalo, a Furna dos Chancelos e a Furna das Lontras.Na vertente oriental aparecen os areais como a Praia das Figueiras, un recuncho reservado para os amantes do nudismo, ou as dunas de Muxieiro. Estas dunas eran móbiles ata fai uns 40 anos, pero por causas incertas, deixaron de selo e pasaron a ser fixas. O Bufardo, é outra das características a sinalar, un lugar onde o mar se retira e dispersa deixando paso a pequenas lagoas cheas de vida mariña.
A presenza da dualidade da costa rochosa e escarpada no poñente fronte á costa suave do nacente, vese truncada no terzo norte da illa. Alí, a montaña Monte Agudo, únese co monte O Cabalo, formando unha serra de difícil acceso. Nesta zona, a cara este da illa tamén posúe ladeiras de pendente considerable, non exentas de acantilados e lugares abruptos.
O paso do home vese reflectido na existencia do Faro do Peito ou Faro de Monte Agudo, onde actualmente existe un observatorio de aves.

Características xerais

O relevo das illas Cíes destaca polo seu perfil asimétrico, onde se diferencian dúas vertentes con características morfolóxicas diferentes.
A vertente occidental, con fortes desniveis, caracterízase pola altitude e dureza dos seus acantilados e covas, creados pola forte acción erosiva do mar. A vertente oriental, en contraposición, destaca polo seu relevo máis suave definido por ladeiras que descenden ata praias de fina area. Isto débese a que esta vertente se atopa mais protexida da acción erosiva do vento e do mar.
O substrato xeolóxico está constituído case na súa totalidade por granitos, no que se intercalan rocas filonianas que forman pequenos diques de cuarzo, aplitas o pegmatitas y metasedimentos, que resultan ser as rocas máis antigas.

En canto a súa composición mineralóxica, destacar que os minerais primarios polos que está composta a rocha nai son o cuarzo, feldespato potásico, plaxioclasas, moscovita e biotita.

Os solos caracterízanse por presentar una textura desequilibrada, areosa franca ou moi areosa. Posúen un marcado dominio de fracción area (≈ 85%) fronte aos limos (≈ 8%) ou as arxilas ( ≈ 7%). A súa estrutura está moi pouco desenrolada ou carece dela, debido á débil agregación entre os seus compoñentes orgánicos e minerais.

O clima presenta aspectos que diferencian este territorio da maior parte da Galicia atlántica. As escasas precipitacións anuais son debidas tanto ó efecto de insularidade, que impide a retención e precipitación das nubes, como a marcada depresión pluviométrica estival, que coincide co momento de máximas temperaturas, da lugar a un importante período de seca. No diagrama de Gaussen que se mostra a continuación, aparecen representados os resultados obtidos da estación meteorolóxica das illas, e nel pódese observar o importante período de seca que existe.


Segundo isto, as características climáticas parecen axustarse máis ás existentes na rexión mediterránea que á atlántica. Atendendo á clasificación climática de Allúe, presentan un clima mediterráneo húmido de tendencias atlánticas. Da mesma forma, segundo os índices de mediterraneidade utilizados por Rivas- Martinez para deslindar a rexión Mediterránea da Eurosiberina, obtéñense valores próximos á primeira.




10/11/08

Donde están?

As Illas Cíes ( 42º 15´ Latitude Norte y 8º 54´Lonxitude Oeste ) atópanse situadas en Galicia, na provincia de Pontevedra, a entrada da Ría de Vigo en disposición de norte a sur, constituíndo unha barreira natural da ría, protexéndoa dos temporais atlánticos do 3º e 4º cuadrante.Ver mapa de situación.

O arquipélago está formado por tres illas principais: Illa de Monte Agudo (ou do Norte), Illa do Faro (ou do Medio) e Illa de San Martiño (ou do Sur), e por outras menores como o Illote Boeiro ou o Illote de Viñes. As dúas primeiras están unidas entre si por unha barreira areosa resultado da ación das correntes mariñas (a praia de Rodas).

Para aceder ás illas, a única vía de aceso, é o servicio de transporte marítimo de pasaxeiros dende os portos de Vigo, Cangas e Baiona; durante os meses de verán e en Semana Santa, sempre e cando o tempo o permita. A Illa de San Martiño é a única que non está comunicada por liña regular, polo que só se pode ir a ela mediante embarcacións privadas.

 
ILLAS CIES - © 2007 Template feito por Templates para Você